Declaración

Framasoft é unha rede de educación popular, que ten a súa orixe no mundo educativo, dedicada principalmente ao software libre. Organízase de xeito colaborativo en tres eixos: promoción, distribución e desenvolvemento de software libre, enriquecemento da cultura libre e oferta de servizos libres en liña.

Por unha Internet libre

O uso de software libre e estándares abertos en Internet é o obxectivo prioritario do proxecto Des-google-iza Internet.

O acceso ao código fonte está na base dos principios do Software Libre. Para cada aplicación dispoñíbel nos seus proxectos, Framasoft comprométese a garantir que estea amparada exclusivamente nunha licenza libre.

No caso de mellorar o código, Framasoft comprométese a dispoñer a súa achega baixo unha licenza libre (compatíbel coa licenza inicial) e fomentará calquera achega voluntaria dos usuarios convidándoos a contactar cos autores.

Framasoft comprométese a facer accesíbel o código fonte ben publicando unha ligazón á páxina web oficial da aplicación ou, se esta xa non está dispoñíbel, publicando o código empregado nun repositorio.

Para iso, Framasoft demostra a súa honestidade permitindo a cada usuario verificar o código fonte, para melloralo, se procede, e sobre todo, para garantir que non se fará un uso indebido dos seus datos, da súa identidade e dos seus dereitos.

Os usuarios poderán utilizar as aplicacións dispoñíbeis e coñecer e aprender sobre todas as funcionalidades, vantaxes, límites e posíbeis usos.

Ningún dato producido mediante as aplicacións pertence a Framasoft, quen non aplica ningún dereito de autoría nin practica ningunha censura. Porén, calquera contido considerado fraudulento ou ilegal conforme á lexislación francesa, unha vez debidamente informado, será eliminado inmediatamente.

Por unha Internet descentralizada

Ao ofrecer aplicacións libres en liña, Framasoft promove solucións alternativas ás aplicacións privativas que ofrecen as empresas con fins monopolistas e facendo un uso indebido dos datos persoais.

Estas alternativas ilustran a diversidade de solucións libres dispoñíbeis e que poden empregarse para fins persoais ou colectivos. Polo tanto Framasoft comprométese a fomentar a súa difusión publicando titoriais explicativos sobre os métodos empregados para instalar estas aplicacións nos seus propios servidores.

A igualdade de acceso a estas aplicacións é unha aposta forte: ofrecéndoas de balde, Framasoft quere promover o seu uso ao maior número posíbel de persoas e ilustrar co exemplo que é posíbel unha Internet descentralizada e igualitaria.

Por unha Internet ética

A ética do software libre baséase en compartir e en manter a independencia. Framasoft comprométese a non practicar ningunha censura a priori dos contidos, ningún seguimento das accións dos usuarios e a non responder a ningunha solicitude administrativa ou de autoridade sen unha solicitude legal presentada na debida forma. A cambio, os usuarios comprométense, na produción ou aloxamento dos seus contidos, a respectar os marcos previstos pola lei.

Non se practicará ningunha discriminación entre os usuarios, co fin de favorecer a maior accesibilidade posíbel.

Ningún dato persoal será explotado con fins comerciais, transmitido a terceiros ou utilizado para fins non previstos nestes estatutos. Por outra banda, os usuarios tamén deben ter en conta o feito de que en ocasións os seus datos poden ser accesíbeis, en particular cando fan públicos os seus datos como parte dunha aplicación colaborativa. Neste caso, os usuarios seguen sendo responsábeis do seu contido.

Por unha Internet solidaria

Framasoft é unha asociación sen ánimo de lucro. Os seus voluntarios e empregados poñen o seu tempo de traballo ao servizo dos usuarios para garantir a sustentabilidade dos servizos. O modelo económico proposto baséase na posta en común de enerxía e custos. Se os servizos son de balde, isto non quere dicir que non teñen ningún custo. Se un gran número de persoas apoian economicamente a Framasoft a manter os seus servizos, aínda máis persoas poderán utilizalos e, incluso, tamén poderán ser mellorados.

Cun enfoque de educación popular, Framasoft difunde o máximo de coñecemento posíbel para promover os usos do software libre e aprender a instalar servizos de balde en liña. Esta posta en común de recursos técnicos e cognitivos fai de Internet un ben común, ao alcance de todos e propiedade de ninguén.


Declaración de servizos libres, éticos, descentralizados e solidarios,
aprobados pola asociación Framasoft o 6 de outubro de 2014