Manifesto

Preámbulo

Nós —os membros da asociación Framasoft— faremos todo o posíbel para seguir as directrices deste manifesto; sabemos que somos demasiado falíbeis para prometer respectar o que segue ata a última palabra!

Grazas por considerar este manifesto como unha simple declaración de intencións do que queremos ser (e sobre todo facer!) no mundo.

Soñamos cun mundo dixital emancipador e facemos todo o posíbel para acadalo

Nunha cultura onde a tecnoloxía dixital é omnipresente, queremos ofrecer ferramentas amigábeis e emancipadoras, que devolvan o poder ás persoas respectando a súa integridade e dignidade. Non obstante, aceptamos os nosos límites cando tentamos facer realidade estes ideais: facemos o posíbel, e non está nada mal!

Actuamos por un mundo máis digno, construído no compartir, a solidariedade e os comúns

Sublévannos as inxustizas, as indignidades e a indecencia do mundo actual, conformado polo capitalismo de vixilancia. Queremos colaborar na emancipación das persoas a través do noso campo de actuación e experiencia: a tecnoloxía dixital e os bens culturais. Cremos que os seres humanos autónomos, orgullosos, coñecedores, solidarios e que comparten poden facer do mundo un lugar máis agradábel para vivir para todos.

Expresámonos a través das accións e das propostas

O noso modo de expresión é facer. Sentímonos útiles na acción e cremos que as nosas formas de actuar revelan os nosos valores. Vemos a Framasoft como unha asociación de prefiguración: presentamos as nosas creacións como prototipos que calquera pode apropiarse para reproducilos a outra escala, ou adaptalos a outras limitacións.

Experimentamos, aínda que fracasemos: así, aprendemos

Tendo máis dúbidas que certezas, consideramos o que facemos como experimentos. Polo tanto, aceptamos o fracaso: errar é humano, e nós tamén! Mesmo atopamos a alegría nos fracasos, porque tamén nos poden ensinar máis que o éxito. Porén, para nós, o coñecemento é máis importante que a eficiencia.

Queremos compartir as nosas producións nos comúns

Asegurámonos de compartir libremente receitas, produtos e leccións aprendidas das nosas accións. Elevamos os nosos logros aos comúns. Queremos que todos poidan aproveitalas e adaptalas á súa situación, mais tamén evitar estar en posición de poder por mor do monopolio dun recurso ou doutro.

Sabemos que o mundo seguirá a virar tras de nós

Nin nós nin a asociación somos eternos... e iso aceptámolo. Traballamos para que Framasoft sexa compostábel, é dicir, procuramos deixar pegadas fértiles, crear ruínas útiles para que os que veñen tras de nós poidan construír co que quede das nosas accións.

Queremos coidar: de nós mesmos, dos demais e dos comúns que nos conectan

Esta declaración ten as súas propias limitacións. Entendemos que non poderemos atender a un común nin aos demais se non nos fixamos en nós mesmos, como tampouco poderemos compartir unha chama se deixamos apagar a nosa lumarada.

Rexeitamos o poder de xulgar, lexitimar ou condenar

Cremos que todo o mundo (incluídos nós!) andamos de viaxe. Buscamos, pois, deconstruír os reflexos puristas que nos levarían a emitir xuízos morais sobre as prácticas e camiños dos demais, xa sexa para lexitimalos ou condenalos. Coidamos tamén de non promover os nosos modos de actuación en detrimento dos adoptados por colectivos cos que compartimos valores e ideais.

Sentímonos complementarios a outras iniciativas

Sabemos que só somos unha peza do crebacabezas. O que fagamos será, inevitablemente, fragmentario e insuficiente. Por iso tentamos manter vínculos de apoio con outros colectivos, actuando noutros ámbitos, con métodos propios. Na nosa opinión, a diversidade de modos de acción é esencial para o seu impacto.

Non nos tomamos en serio

Non queremos ir máis aló dos nosos fundamentos. Non dubidamos en usar bromas para aliviar a presión, aínda que iso supoña ofender a xente seria. Se o humor está no cerne das nosas prácticas, de ningún xeito desvirtúa a esencia das nosas accións.

Última actualización do manifesto: 27 de outubro de 2022