Marcas rexistradas de Framasoft

Código de conduta

En Framasoft, non nos gusta (e non cremos nela) a propiedade intelectual.

Mais vivimos nun mundo que cre nela, e temos que protexernos e protexer o noso traballo.

Polo tanto, rexistramos algunhas marcas (PeerTube, Mobilizon, Framasoft…), e aquí está o que nos comprometemos a facer.

1. Non pensamos atacar

Para nós, o rexistro da marca é un proceso defensivo. Trátase de protexer o noso traballo tanto contra aqueles que poden rexistrar os nomes dos proxectos que nos esforzamos en dar a coñecer, como contra aqueles que queiran luxar os proxectos que construímos cos nosos valores, as nosas posturas políticas e a nosa paixón.

2. Non te deixes levar polo pánico!

Só usaremos a lei de marcas como último recurso. Non somos trolls de marca que buscamos extorsionar empregando a violencia legal. Simplemente queremos protexer a reputación dos proxectos que nos esforzamos en promover.

Realmente temos a intención de resolver calquera problema que poidamos ter con respecto ao mal uso dunha marca rexistrada falándoo xuntos. Se actúas de boa fe, non hai que entrar en pánico. Estamos seguros de que nos entenderemos e atoparemos unha solución elegante.

3. Non enganes á xente

Se dis ou insinúas que es Framasoft ou que es «o proxecto oficial», utilizaremos a lei de marcas contra ti. Se comezamos a recibir mensaxes de persoas que pensan que as túas accións veñen de nós, poñerémonos en contacto contigo para discutir e buscar un xeito de deixar claro que ti es ti e nós somos nós.

Na nosa experiencia, a xente non se deixa enganar e a honestidade é unha forma moi poderosa de crear unha conexión con eles. Utilizaremos o dereito de marcas, como último recurso e se é necesario, para protexer esta relación de confianza e honestidade que construímos co paso do tempo coas persoas.

4. Non sexas un babiolo

Realmente, é así de sinxelo.

Ser babiolo inclúe cousas que están prohibidas pola lei francesa (promoción do nazismo e do fascismo, pederastia, poñer en perigo a outros, noticias falsas…), mais tamén a discriminación (por sexo, xénero, raza, relixión, orientación, minorías… xa sabes de que falamos…).

Se fas o parvo usando os nomes de proxectos nos que traballamos duro, utilizaremos a lei de marcas rexistradas contra ti. Se estás tentando forzar os límites, se queres probar, provocar e desafiar á sociedade, ben por ti, mais nós non temos tempo para iso: non uses as nosas marcas. Se cres que hai demasiadas regras, ou que é demasiado complicado non ser un babiolo: non uses as nosas marcas.

Se che preocupa ser un babiolo sen sabelo, por ignorancia aínda que intentes ser educado: todo estará ben.

5. Respectémonos

Se non estás seguro, se tes algunha dúbida, ven falar con nós. Se temos algún problema, tentaremos ir falar contigo primeiro.

Se ao usar os nomes dos nosos proxectos, as túas accións comezan a esgotar o noso tempo e enerxía. Se nos dás unha mala reputación, definitivamente teremos un problema. Para evitar isto, lembra que hai persoas que se esforzaron moito para darlle boa reputación aos nomes que estas a usar, e simple, respecta ese traballo.

Se nos atopamos tendo que responder polas túas accións, teremos que ter unha discusión seria.

Cando falamos, se tratas de xogar con intelixencia e negociar cada palabra, se non queres escoitar e considerar as nosas posturas (ten por seguro que sempre tentamos facer o mesmo cos demais), entón probabelmente resolvamos o noso desacordo usando a lei de marcas.

Mais non queremos iso, así que imos buscar o xeito de entendernos.


Framasoft,
8 de xuño de 2021.

Directiva de marca FRAMASOFT

Esta declaración complementa o código de conduta. Se segues o código de conduta, probabelmente non teñas que comprobar se as túas accións entran en conflito con esta declaración. Porén, se debes utilizar algunha das nosas marcas, recomendámosche que a leas con atención.

Introdución

FRAMASOFT é unha organización sen ánimo de lucro. FRAMASOFT posúe e xestiona as marcas rexistradas dos nomes e logotipos de FRAMASOFT, así como doutras marcas e software relacionados con FRAMASOFT.

O software que se indica a continuación é software libre. O seu código fonte pódese descargar, modificar e redistribuír baixo unha licenza de software libre. Non obstante, a licenza de software non cobre o uso de marcas comerciais. O uso correcto das marcas rexistradas de FRAMASOFT é fundamental para informar aos usuarios se o software é ou non a orixe dos produtos ou servizos.

Marcas rexistradas

FRAMASOFT posúe as seguintes marcas comerciais, en forma de palabras e logotipos, incluíndo marcas comerciais, slogans e lemas:

  • FRAMASOFT é unha marca rexistrada en Francia baixo as clases 9, 16, 38, 41, 42; Número INPI 4694656
  • FRAMASOFT é unha marca rexistrada en Europa nas clases 9, 16, 25, 35, 38, 41, 42; Número EUIPO 3575587
  • PEERTUBE é unha marca rexistrada en Francia na clase 9, 42; Número INPI 4662501
  • PEERTUBE é unha marca rexistrada en Europa na clase 9, 42; Número EUIPO 018265042
  • MOBILIZON é unha marca rexistrada en Francia na clase 9, 42, 45; Número INPI 4662537
  • MOBILIZON é unha marca rexistrada en Europa na clase 9, 42; Número EUIPO 018265551

Obxectivos

O obxectivo desta directiva de marcas é aclarar o uso correcto das marcas de FRAMASOFT por parte de terceiros para evitar calquera uso indebido que poida inducir a erro aos usuarios sobre os produtos e servizos de FRAMASOFT. Ao mesmo tempo, esta directiva anima a persoas, organizacións e empresas a traballar con FRAMASOFT nos termos desta directiva e do código de conduta.

Cando non usar as marcas FRAMASOFT

Aquí tes algúns exemplos que van en contra do xeito no que usamos as nosas marcas e que nos levarían a utilizar a lei de marcas para regular o abuso. Mais máis aló da cuestión legal, tamén é unha cuestión de sentido común:

  • Usar as marcas de FRAMASOFT a nome dunha empresa ou organización: en serio, queres suplantar a nosa identidade?
  • Usar as marcas de FRAMASOFT como nome dun produto ou servizo: algunhas empresas estarían encantadas, mais isto realmente non é unha boa idea porque equivalería a facer publicidade no noso nome... e non quererías que alguén falase no teu nome, non si?
  • Usar as marcas rexistradas de FRAMASOFT nun nome de dominio, con fins comerciais ou non comerciais, incluídas as redes sociais: un nome de dominio tamén é unha marca de identidade e, se usa unha das nosas marcas como nome de dominio, induce aos usuarios a que crean que o sitio ou servizo pertence a Framasoft.

Cando se poden usar as marcas comerciais de FRAMASOFT sen solicitar autorización?

Mais hai moitos casos nos que podes usar as nosas marcas!

Incluso recomendamos este tipo de uso:

  • Comunicar feitos sobre FRAMASOFT e os seus proxectos sen suxerir patrocinio ou aprobación.
    • Anunciar o voso produto ou servizo en relación con FRAMASOFT e os seus proxectos de forma que non induza a erro.
  • Describir que o voso software está baseado no código do software FRAMASOFT ou que é compatíbel co seu produto.
  • Amosar as marcas de FRAMASOFT no seu propio sitio web só en forma de hiperligazón ao sitio web de FRAMASOFT.

E por suposto, non dubides en contactar connosco se tes algunha dúbida ou necesitas unha autorización específica. Atoparás os nosos datos de contacto ao final desta declaración.

Finalmente, aquí tes algúns consellos sobre como usar correctamente as marcas

rexistradas de FRAMASOFT

  • Usade as marcas FRAMASOFT exactamente como se indica. Calquera modificación debe manter as proporcións orixinais do logotipo (consulta a nosa guía de estilo de marca).
  • Usade as marcas FRAMASOFT só como cualificativo, nunca como substantivo ou verbo. Exemplo: a aplicación Peertube de Framasoft.
  • Sempre que sexa necesario, incluíde un aviso de atribución de marca. É moi sinxelo, así: «A marca Framasoft é unha marca rexistrada na Unión Europea».
  • Tende coidado de non suxerir que ningunha das nosas marcas estea afiliada a vos ou a algún dos vosos produtos ou servizos. Lembrade que Framasoft é unha organización independente.
  • Ás veces, as nosas marcas son usurpadas ou usadas para slogans ou publicidade, o que suxire que avalamos unha acción ou servizo. Referímonos ao código de conduta: non sexas babiolo…

Contacto

Se tes algunha dúbida sobre estas directrices, envía un correo a https://contact.framasoft.org.


Framasoft,
9 de decembro de 2023.